
Excelente fin de semana para a natación carballesa en dous dos frontes competitivos dos calendarios nacional e rexional. Sara Ríos Castro e Xacobo Fraga Liñares (2013) callaron unha gran actuación coa Selección Galega no XII Campionato de España Alevín por Seleccións Territoriais celebrado en Málaga. No plano individual, Sara Ríos destacou con luz propia ao bater os récords do club de 13 anos nos 50 e os 100 braza, logrando en ambas probas a 9ª posición nacional e as súas mellores marcas persoais. Pola súa banda, Xacobo Fraga asinou un meritorio 17º posto nos 200 libres, rebaixando tamén o seu rexistro persoal. A nivel colectivo, a pegada carballesa foi clave para que Galicia acadara unha 6ª praza conxunta, só superada polas potencias de Andalucía, Cataluña, Madrid, Valencia e Baleares. Sara contribuíu co 5º posto na remuda de 4x100 estilos, mentres que Xacobo participou nas tres remudas masculinas, destacando o 7º posto nos 4x100 estilos.
Simultaneamente, outros nove nadadores-as do club desprazáronse a Ferrol para disputar o XLVI Memorial Juan Varela. A expedición regresou con tres medallas: Luis Suárez alzouse coa prata nos 50 libres e o bronce nos 100 libres, mentres que Carmela Ínsua acadou o bronce nos 400 libres. Na clasificación por equipos, o club asinou a 6ª praza feminina, a 7ª masculina e a 8ª na xeral.
No apartado de descargas natación desta mesma web podedes consultar os resultados destas dúas competicións.